Facebook, blog… política

Había tempo que Luís A. Núñez, xornalista de La Voz de Ferrol e tamén amigo das novas tecnoloxías, me comentara que un día quería publicar algo sobre o uso do Facebook, o Twitter, o blog… na política local e que podíamos falar da miña experiencia.
Onte pola tarde quedamos nas Palmeras (Ferrol) tomamos unha Cocacola e charlamos un rato sobre como todas estas ferramentas virtuais permiten democratizar a política local, que haxa un contacto máis directo entre cidadáns e concelleiros e como, ao igual que todos os demais ámbitos da vida, a poítica inevitablemente camiñará por estes lares.
O resultado é este: Un alcalde colgado de la red
Toda unha vida…
Logo dunha primeira experiencia hai xa anos nunca pensara en volver a Luar, pero onte volvín a reencontrarme con Gayoso; a ocasión merecíao… Acompañei a miña nai a recoller o premio gastronómico Álvaro Cunqueiro a toda unha vida.
Como dicía cando en outubro recibía un premio similar da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSGA), creo que o ten de sobra merecido, como cociñeira e como persoa. Máis de 30 anos artellando na cociña do Mundial, levantando e mantendo un restaurante dende a nada, ademais de ocuparse dos seus fillos, da casa… son credenciais que a ela, xunto con outros centos de mulleres cunha historia similar, as avalan para polo menos recibir un recoñecemento público coma este.
A estas horas aínda teño dúbidas de se estaba máis nerviosa por recibir o premio ou por estar con Gayoso, pero o certo é que estaba contentísima e para min vela así non ten prezo. Grazas ao Concello de Lalín, ao Clube Gastronómico Rías Altas, ao Parrulo, a todos os que credes no seu traballo e aos clientes e clientas do Mundial, que sodes os que fixestes posible que cumplira o soño de ter o seu propio restaurante.
Logo de Baltar, Baltar…

Pedíanos Aida Pena este venres na SER aos participantes na tertulia de La Ventana de Galicia que nos mollásemos sobre quen críamos que gañaría o congreso provincial do PP de Ourense. Martiño Noriega, Alcalde de Teo e máis eu tiñamos claro que gañaría Baltar junior. Acertamos.
A quiniela non era difícil, pois a loita era desigual. Era evidente que os métodos de Baltar (con eso esta todo dito) darían de novo os seus froitos. Métodos, por certo, que foron os mesmos que lle valeron a Fraga, a Feijoo, a Rajoy ou a Rueda cando precisaron gañar eleccións ou procesos internos, pese a que agora finxan hipócritamente descualificalos ou afastarse deles para defender ao outro candidato.
As prácticas do Baltarismo (enchufe de familias enteiras, venda de favores…) parécenme deplorables, pero dubido seriamente se é peor para Galicia o caciquismo baltariano do país ou o facherío madrileño feijoiano. Creo que me parece menos malo o primeiro, aínda que o desexable fose unha corrente "normal" dentro do PPdeG, corrente que de momento semella imposible.
‘Desván de los Monjes’

Estabamos tristemente acostumados a escachar de risa cada vez que aquel conselleiro de (suposta) Cultura do fraguismo, Xesús Pérez Varela, facía das súas e se refería a “Carmiña Burana” como unha fantástica cantante galega ou cando afirmaba que na programación do Xacobeo se incluían fantásticas actuacións como a de Ainhoa e máis a de Arteta, xunto con Berrugueto, Masive Atrak ou Cheminal Broters. Parecía imposíbel superalo, pero para sorpresas, contacten vostedes co goberno de Feixóo.
Se non fose pola cantidade de testemuñas presentes, diría que foi froito do meu malévolo maxín, pero resúltame difícil explicar a cara que puxen cando lle escoitei a semana pasada en FITUR ao actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, afirmar ante centos de persoas, profesionais do turismo a meirande parte, que o Camiño de Santiago pasa por localidades tan fermosas como “Toro”, enténdase Touro, ou “Desván de los Monjes”, que logo duns minutos de conmoción neuronal cheguei a asimilar que se trataba de Sobrado dos Monxes.
Mais aló do imperdoábel erro… Seguir lendo en A Nosa Terra
Leccións de marketing en “Padre de Familia”
Desgraciadamente seguro que moitas veces tivemos esta mesma sensación cando pensamos na política estadounidense e ao mellor tamén cando pensamos na política que non nos queda tan lonxe…
Un estaleiro competitivo
Onte a edición de Ferrol de La Voz de Galicia invitounos a tres persoas a reflexionar nas súas páxinas sobre o futuro do estaleiro: Ramón Yáñez, profesor de Economía da Empresa na Politécnica Superior de Ferrol, Primitivo González e Antonio Salamanca, enxeñeiros navais e eu mesmo como Alcalde de Fene:
Onde eran ostras, xacen estaleiros, agonizantes», di a fenesa e amiga Matilde Castro nun dos seus marabillosos haikus. Astano esmorece dende hai máis de 30 anos, dende que nos anos 70 o INI franquista a incorpora ao sector público por ser xa insostible como empresa privada. Ter claro que debe ser Astano no século XXI e, sobre todo, saber como facelo, é clave para o despegue económico de Ferrolterra.
¿Público ou privado? Evidentemente público. A dereita, pero tamén recentemente o nacionalismo, defenderon dun ou doutro xeito a privatización do estaleiro. A demanda do naval é claramente cíclica e moi flutuante e diso sabemos moito en Fene. A permanencia no sector público será o que nos asegure poder acceder a grandes pedidos para outros países e, sobre todo, manter os postos de traballo e o estaleiro aberto en épocas nas que a demanda sexa menor. […]
Seguir lendo en La Voz de Galicia.
Pese á diferente ideoloxía, experiencia, ámbito profesional… creo que hai moitos aspectos substanciais nos que coincidimos. Pensar sobre o que queremos e podemos facer co estaleiro, facelo dende a colaboración e á marxe de posicionamentos electoralistas de cada quen é algo moi necesario se queremos ter un futuro mellor que o presente.
As dúbidas do presidente
“Nin está nin se lle espera”. Esta atinada frase, saída do fío telefónico da Zarzuela a noite do 23-F, explica por si soa o desenlace daquela tolemia e, por desgraza, está a piques de se converter tamén na mellor explicación ao papel do Presidente da Xunta na posíbel fusión, ou non, das caixas galegas. Feixóo non está, pero si que se lle espera: por agora…
Algúns opinadores públicos diagnosticaron xa as dúbidas do presidente como un episodio, non sabemos se temporal ou crónico, de “raxoización de Feixóo”. Raxoi por unha vez si ten claro o que quere facer, que Caja Madrid engula a Caixa Galicia e as caixas valencianas. O resultado sería unha gran caixa, para a que xa se apunta o nome de Caixa Popular (por aquilo do PP, non polo ben dos contribuíntes, claro) que leve o peso financeiro dos tres grandes feudos electorais da dereita, Madrid, Valencia e Galicia.
Camps, entre unha visita ao xastre e outra, xa dixo que… (seguir lendo en A Nosa Terra)
18 pinchazos non mataron a Romell Broom

Hoxe El País publica a declaración dun home que sobreviviu á súa propia execución por inxección letal no estado de Ohio. Lela dáme moito que pensar sobre o respecto dos dereitos humanos no país no que o seu Presidente acaba de ser homenaxeado co Premio Nobel da Paz. Desde logo, aínda non sendo unha competencia puramente federal, esta é outras das asinaturas pendentes de Obama:
Eu, Romell Broom, preso no corredor da morte de Lucasville (Ohio), fun levado á miña execución por inxección letal o pasado 15 de setembro. Tras sufrir 18 picadas erradas ao longo de tres horas, a execución foi suspendida. Ésta é a miña declaración xurada daqueles feitos…
Un día moi feliz no meu mundo
Onte foi un día especial, moi feliz. Onte recibín, xunto con Mabel Rivera e Manolo Rivas, a Beca de Honra da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, distinción que recoñece o traballo de determinadas persoas no ámbito da Publicidade e as Relacións Públicas, a Comunicación Audiovisual ou a Xestión e a Administración Pública, as tres titulacións que se cursan nesta facultade.
É sempre unha ledicia que compañeiros/as de profesión ou de titulación se fixen positivamente no teu traballo, pero este recoñecemento aínda me soubo mellor, creo, por ter sido alumno da facultade. Alí estaban profesores, compañeiros de clase, traballadores… cos que pasei un día maravilloso falando de pasado e de futuro.
Decateime de que, a pesar de ter marchado de Pontevedra hai 7 anos, aínda teño e creo que sempre terei un fío invisible que me une á Facultade de Ciencias Socias e á súa xente, un fío que fai que alí sempre me sinta como na miña casa, no meu mundo.
Grazas ao decanato e a tódolos profesores de Ciencias Sociais e da Comunicación por facerme o mellor regalo que se me podería ter feito! E noraboa tamén ás dúas veciñas de Fene que se licenciaron no mesmo acto; unha fermosa coincidencia…
Recoñecemento merecido

Con algo de retraso, pero facéndovos caso a todos aqueles que me suxeristes, pedistes… que retomase a actividade blogueira logo do verán, aquí estou, disposto a manter de xeito máis ou menos regular a actividade desta páxina, cada día máis difícil de compaxinar coa intensa actividade do Concello.
Empezo cun tema persoal. Hai uns días CEHOSGA (Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia) premiou a traxectoria profesional da miña nai dándolle un dos seus galardóns anuais. Como fillo sentinme tremendamente orguioso ao vela tan feliz, nerviosa, ilusionada co traballo aos seus 68 anos…
Ademais, creo que é un premio que merecen todas as persoas da súa xeración, que traballaron, máis ou menos conscientemente, moi duro para facer deste país e da súa vida un lugar moito mellor. Case sen estudos, aínda saíndo da adolescencia e xa cun fillo pequeno marchou recén casada e cunha maleta baleira a Londres. Alí buscou traballo, apredendeu un idioma totalmente descoñecido e durante 12 anos aforrou cartos ao tempo que gozaba dos anos máis felices da súa vida.
Cunha maleta chea voltou no ano 75 a Fene, abriu xunto co meu pai o Restaurante Mundial e desde aquela a súa vida consistiu en cociñar case tódolos días, criar a outro fillo e non deixar de ser feliz case que nunca.
Grazas a CEHOSGA e á Asociación de Empresarios de Hostalaría Ferrol e Comarca!

