Anotacións arquivadas do mes de Decembro de 2010
Folga, pero europea

Onte falábase, no medio das imaxes sobre a non sei que “ésima” folga grega, os coletazos das protestas dos estudantes británicos, a preparación de novas mobilizacións en Francia… da posibilidade dunha nova convocatoria de folga xeral en España. Perfecto, porque os sindicatos en épocas de decisións complicadas e de recortes é o que deben facer, pero as folgas nacionais son un instrumento útil para frear a tolemia neoliberal coa que se pretende saír desta crise? Sinceramente creo que valen de pouco ou máis ben de nada.
Nestes momentos o que nos estamos xogando non é ter que cotizar dous anos máis ou menos ou o número de días co que seremos indemnizados por ano traballado; estes son só problemas inmediatos, o pulso a morte que os mercados, léase determinados grupos ideolóxicos e intereses financieiros, nos están botando como sociedade, como traballadores é o de que Europa imos configurando durante estes anos de crise e, polo tanto, que Europa vai resultar ao final do paso por este túnel de lavado con sosa cáustica.
Vemos a todos os gobernos adoptando medidas día tras día para tranquilizar, darlles confianza, seguridade… aos mercados, porque alguén desde Europa di que todo ben, pero que eses aínda non están satisfeitos. Uns fano desde unha visión máis progresista, como España, e outros desde posicións ultraconservadoras, como o Reino Unido, pero o certo é que a realidade nacional, a capacidade dos gobernos nacionais para decidir o rumbo económico que colle cada país nun momento determinado, hai moito tempo que desapareceu en Europa e paréceme ben, porque son un firme defensor das vantaxes da Unión.
A cuestión é que, entendendo isto, poñamos o dardo no centro da diana, non no que decida o noso goberno nun momento determinado, que non é máis que unha mera consecuecia, senón no modelo económico que globalmente se está a impor en Europa e polo tanto, se lle impón a cada un dos Estados membros.
Da crise obviamente vaise saír, pero cal será a sociedade, o modelo laboral, económico… que nos tocará vivir ou padecer logo dela? Eu por agora véxoo claro, camiñamos cara ao lado equivocado, se non hai un cambio de rumbo, nuns anos soñaremos coa vella Europa, garante dos dereitos sociais, das liberdades, do pensamento crítico… e padeceremos as consecuencias de vivir nunha Europa liberalmente corrosiva, pero a guerra aínda se está librando, hai tempo.
Poñer o dardo no centro da diana non é presionar ou convocar 20 folgas nun país, creo que os sindicatos deben superar tamén a realidade nacional e empregar os seus mecanismos de presión e de diálogo ante as institucións e poderes europeos e convocar, se entenden que hai razóns para tal, unha folga xeral o mesmo día en toda a Unión, esa si que pode ser unha folga efectiva. A esquerda europea, tanto a sindical como a política, ten que traballar coordinadamente para poñerlles a proa aos desexos insaciábeis dos mercados e defender o poder dos cidadáns para que o resultado desta crise sexa unha Europa máis forte e sobre todo unha Europa social.
