ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Xuño de 2010

A terra é nosa… tamén no Eume e no Belelle

Dende a década do 1970, na que os veciños das Encrobas se atreveron a corear polas rúas da Coruña aquilo de “a terra é nosa e non de Fenosa”, orixe do máis recente berro “a ría é nosa e non de REGANOSA”, que resiste á política de feitos consumados polas rúas de Ferrolterra, son moitas as loitas da nosa xente contra os abusos de poder de grandes empresas e contra a destrución de paraxes únicas do noso hábitat, en definitiva de oportunidades de futuro e de desenvolvemento máis aló das chemineas e do ruído. 

Anoten un novo obxectivo, frear a tolemia de explotar unha mina de andalucita a ceo aberto no límite do Parque Natural das Fragas do Eume, a maior reserva de bosque atlántico de toda Europa.

Seguir lendo en A Nosa Terra

A república popular galega

Nunca tal se viu! O Goberno de Feijoo acaba de dar unha volta de torca máis á “popularización” da política galega; unha vergoña! Pregúntese por onde se pregunte en calquera concello galego non adepto ao réxime albertista escoitarase a mesma historia. Desde hai unhas semanas todo anuncio de obras, actividades e demais prebendas da Xunta de Galicia son presentadas de costas ao goberno municipal polo responsable autonómico do asunto, pegado ao aspirante a alcalde do PP nese concello.

Podemos contar por decenas os alcaldes e alcaldesas socialistas ou nacionalistas que coñeceron estes días a programación do Xacobeo no seu pobo, as vindeiras actuación da Consellería de Medio Ambiente ou os cartos que a Xunta vai destinar a ampliar o seu centro de saúde non por medio dunha chamada oficial da Xunta, senón porque viron a un conselleiro/a ou ao delegado/a territorial en rolda de prensa co voceiro municipal do PP no seu pobo anunciando tales actuacións. É intolerable!

É moito máis que unha pulla electoral, é unha violación do sistema democrático, un atraco á vontade dos galegos e galegas que elixiron libremente aos seus respectivos gobernos locais, un intento inxustificable de apropiarse do poder e do país. Os alcaldes e alcaldesas que non son do PP son resultado da soberanía popular, o seu poder e a súa representación emana da liberdade de expresión dos cidadáns, por iso obvialos e obviar algo moi básico, que o poder reside no pobo. Sei que á dereita isto da soberanía popular tradicionalmente custoulle entendelo, pero de todos nós depende defendelo ou non, pararlle os pes ou non.

Probablemente un día Feijoo soñou coa República Popular Galega, popular de pepé, non de pobo, claro e decidiu construíla, confundindo maioría absoluta con despotismo, sen ser ilustrado, que sería moito dicir e crendo que ter a metade máis un dos escanos, non dos votos, permite construír un imperio a medida, obviando á maioría de galegos e galegas, que non votaron nin a Feijoo nin ao PP. Algo ao que Fraga non só non se atreveu, senón que ata xuraría que nin imaxinou tal cousa, porque, moi de dereitas, iso si, pero el era un home de estado, institucional. Presidente, rectifique e respecte, vostede é o presidente do PPdeG, pero creo lembrar que tamén o é de Galicia. O dito, nunca tal se viu!

O consenso non mata

Cando un non atopa no seu país o que busca, tende a vivir os acontecementos foráneos como propios, a admiralos e ás veces incluso a mitificalos. Pasaba na época de “El Último Tango en París” coa liberdade, cando os nosos parentes marcharon a facer as américas coa prosperidade e agora en Portugal co consenso.

Moi mal ten que andar este país noso para que levemos xa uns días mirando aos nosos parentes portugueses con envexa de esguello, claro que si, por ser capaces de pórse de acordo os dous grandes partidos á hora de loitar contra a crise. Consenso, foi a palabra máxica que abriu informativos e xornais estes días para falar de Portugal e mirarse nun espello no que nós, tan avanzados, europeos, modelo de transición… non nos podemos mirar.

Seguir lendo en A Nosa Terra