ivanpuentes.com

A intelixencia de Obama

Intelixencia e Presidente dos Estados Unidos son dous termos que nos últimos anos foron como o aceite e o vinagre, imposibles de xuntar. Salvo para aqueles que esperasen ver a un discípulo de Carlos Marx, o presidente Obama por agora non está defraudando. A decisión de levantar, logo de moitas décadas, a prohibición de viaxar e enviar divisas a Cuba é un síntoma máis da súa intelixente política.

Estamos falando da diferencia entre a política da testosterona, que tanto gusta á dereita e a política da razón, máis propia da esquerda; entre os que só cren na forza para impor os seus principios e os que cren no diálogo. Os primeiros verán nesta decisión de Obama unha concesión ao réxime cubano, un síntoma de flaqueza, os segundos verán a primeira decisión que toma un goberno do EE.UU. verdadeiramente encamiñada a levar a democracia a Cuba.

O embargo e o aillamento total da illa tivo dúas consecuencias, empobrecer á poboación civil e reforzar, cargándoa de argumentos, a ditadura de Castro. Agora temos a oportunidade dun novo tempo, unha época na que os cidadáns cubanos recibirán cartos dos seus familiares que viven fóra, veranos cada ano en vacacións, saberán de primeira man como se vive noutros países, que non é necesario pasar penurias para ser libres… e os desexos de democracia, de poder vivir no seu país como se vive fóra, irán abríndose camiño inexorablemente.

Actualizado ás 9:11 do 17/04/2009:

Coñecía onte un dato. Cuba está recibindo ao ano uns dous millóns e medio de turistas; coa decisión de Obama xa se espera que só neste primeiro ano esa cifra se incremente nun millón e que nos próximos anos o incremento sexa de ata tres millóns. O desenvolvemento económico, a creación de postos de traballlo, a entrada de cartos… que suporá todo isto elevará irremediablemente o nivel de vida, o benestar, dos cidadáns da illa e esa é a principal arma contra a ditadura, o cabalo de Troia do réxime castrista, unha maioría de cidadáns con tódalas necesidades básicas cubertas salvo a liberdade, que reclamarán cada vez máis insistentemente. Sabémelo ben en España a raíz do aperturismo e do desenvolvemento económico dos anos 60, baseado tamén fundamentalmente no turismo.

3 comentarios

  1. Blas García | 15 de Abril de 2009 - 6:10 pm

    Ola Iván, que gusto dá volver a verche por aquí. Bueno, verche e leerche, sobretodo.

    Un saúdo

  2. Iván | 15 de Abril de 2009 - 6:27 pm

    Nunha boa parte débese á túa insistencia e aos teus ánimos, así que moitas gracias! A verdade é que me propouxen manter o blog cunha regularidade semellante á de cando non estaba tan liado, porque é tremendamente gratificante comunicarme con todos vos falando dos mil temas que falamos aquí.

    Apertas, rapaz!

  3. Óscar Martínez | 15 de Abril de 2009 - 10:00 pm

    Obama se non se corrompe vai ser un perfecto presidente dos EE UU ; sen dubida algunha. Ogalla.

Deixa unha resposta