Anotacións arquivadas do mes de Decembro de 2008
O timo da autoestrada

Parece o título dunha novela e a verdade é que a realidade ben daría para un gran best seller, non sei se asinado por Agatha Christie, por ser digna a historia dun bo expediente policial, ou por Stephen King, xa que de terrorífica ten tamén moito.
Un Consello de Ministros franquista decidiu no ano 1972 que Galicia tería autoestrada, pero pagando a cambio peaxes durante 50 anos, ata o 2023. Á desgraza que supón para tódolos galegos ter que pagar, e pagar ademais tarifas abusivas (uns 160 millóns de euros ao ano) para circular pola principal e única vía de alta capacidade que vertebra o país, temos que sumarlle a vantaxosa, non para os cidadáns por suposto, operación de enxeñería financeira que Aznar, Álvarez Cascos, Núñez Feijoo e a troupe gobernante do PP deseñaron entre o 2000 e o 2003.
A Autoestrada do Atlántico e a súa concesionaria (AUDASA) foron unha vítima máis da orxía privatizadora que o PP cultivou durante os seu anos de goberno, para "impulsar o crecemento económico e a creación de emprego"; dicían unha e outra vez. A operación-timo da AP9 fraguouse en tres etapas:
1. Véndesenos o favor de construír libre de peaxe o tramo Fene-Ferrol.
2. No ano 2000, alegando o elevado custe deste tramo e a suposta redución de ingresos por non poder cobrar peaxe, o Goberno prorroga 25 anos máis a concesión, ata o 2048, é dicir, 25 anos máis de peaxes; a pesar de que os números xa demostraban que incluso coa suposta carga do tramo Fene - Ferrol o investimento na autoestrada estaría perfectamente amortizado antes de 2023.
A xogada xa se empeza a ver, o obxectivo era privatizar; a pesar de que Cristóbal Montoro, Secretario de Estado de Economía, logo Ministro de Facenda e actualmente responsable de economía do PP, o nega rotundamente durante unha visita que fai a Vigo ese mesmo ano. Ademais de condenarnos a pagar 25 anos máis de peaxe sobre os 50 xa previstos inicialmente, simplemente porque a empresa fose máis atractiva para un posible comprador, aínda quedaba un última sorpresa, o prezo.
3. Efectivamente, no ano 2003 o goberno do PP vende a Empresa Nacional de Autoestradas (ENA) da que forma parte AUDASA, a Sacyr e outros socios por 1.586 millóns de euros, cando só o valor da AP9 xa se estimaba en case 3.000 millóns; ou sexa, regalada!
Estes días, os datos da venda das antigas autoestradas da ENA (entre elas a AP9) por parte de Sacyr á norteamericana Citi Group, deixan á luz o timo do PP e avalan os argumentos de quen daquela criticou a operación. Fixémonos simplemente nun deses indicadores, o que o PP vendeu a Sacyr por 1.500 millóns de euros, véndeo agora Sacyr, só cinco anos despois, por 7.500 millóns; cousa que non é de estrañar se temos en conta que, por exemplo, en só catro anos e só coas autoestradas galegas, Sacyr ingresou practicamente o que lle custou comprar as autoestradas de España.
En resumo, vendemos a autoestrada pola metade do que valía, ao privatizala perdemos o control público sobre a vía de comunicación máis importante do noso país e temos por diante 40 anos máis de peaxes, establecidos libremente por unha empresa que agora xa non é nin española. En fin, que fixemos un pan con dúas ostias!
Mos, outro suspenso no historial democrático do PP

Esta semana o PP valerase unha vez máis, e xa van demasiadas, dun tránsfuga para acadar o poder. Neste caso tócalle aos cidadáns e cidadás de Mos padecer que a democracia do seu concello, a decisión que expresaron libremente nas urnas, se vexa secuestrada e pisoteada por turbios caciqueos políticos, empresariais…
A moción de censura é un recurso perfectamente democrático, legal e incluso moral, pero non o é recorrer a tránsfugas ou comprar votos para gañala; máis, se se trata dun partido como o PP, que ten asinado o Pacto Antitransfuguismo, pacto que todos respectamos e sobre o que eles sempre inventan excusas para saltarse.
Podedes coñecer un relato pormenorizado dos feitos no blog de Mar Barcón.
Ánimo, Chus, ti es e seguirás sendo a Alcaldesa do pobo de Mos!
