ivanpuentes.com

Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia

Ademais de ó acto sobre o Plan Ferrol, onte fun tamén ás Xornadas sobre a Situación Laboral Actual que organiza a Escola de Relacións Laborais de Ferrol e a Asociación Cultural Fuco Buxán. Concretamente, asistín á charla que María Debén, amiga e Delegada Provincial da Consellería de Traballo, deu sobre o Proxecto de Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia.

María Debén, ademais dos seus coñecementos sobre traballo, é unha feminista activa. Comprenderedes que oíla falar desta lei, que aglutina eses dous aspectos, foi todo unha delicia, unha clase maxistral de igualdade, socialismo e dereitos laborais. Apúntovos só algún dos datos que esbozou para xustificar a necesidade de que os poderes públicos artellen o conxunto de medidas que contempla este proxecto de lei: o salario medio das mulleres é o 75% do dos homes, por cada 10 homes en paro temos a 16 mulleres desempregadas, o 76% das mulleres está empregada só no 13% dos traballos… Deume moito que pensar outro dato: o traballo doméstico, non remunerado e desenvolvido maioritariamente por mulleres, supón un valor engadido de 15.150 millóns de euros, o 37% do PIB.

Pareceume tamén moi interesante o paralelismo que estableceu entre a teoría marxista da división de clases, a discriminación social por razón de clase, base de toda a ideoloxía socialista, e a discriminación por razón de xénero, a división por sexos, que sufre a sociedade actual. Por iso a esquerda, comprometida coa igualdade social, debe loitar con tódalas súas forzas pola igualdade de xénero. Como dixo ela, “a sociedade que prescinde do 50% dos seus membros ten un grave déficit democrático”.

Logo do acto aínda tivemos tempo para tomar unha cervexa longa na República Checa e discutir amigablemente sobre a prostitución, a raiz da pregunta que fixo unha das asistentes ás xornadas. María é abolicionista e eu son máis ben partidario da regulación; non nos puxemos de acordo, pero achegamos posturas.

1 comentario

  1. pepe | 18 de Xaneiro de 2007 - 11:51 am

    Mira o que encontrei, navegando pola rede, sobre as eleccións municipais
    http://feneeleccions.blogspot.com

Deixa unha resposta