Políticos 2.0 en Galapagar
Esta tarde estou en Galapagar (Madrid) na Fundación Jaime Vera, invitado pola Secretaría de Cidades e Política Municipal do PSOE, participando como ponente con David Cierco e Lourdes Muñoz no curso que organiza a dirección federal do Partido sobre "Técnicas e Aplicacións das TIC e a Web 2.0 na Comunicación Municipal".
A verdade é que é unha honra poder falarlles de política, pero tamén de Fene, a concelleiros, alcaldes e responsables locais e autonómicos do PSOE de toda España. Cando participo neste tipo de eventos, aínda que sexan unhas poucas horas coma neste caso, volto cargado de ideas e de ganas de facer mil cousas no pobo; de experiencias positivas que se están poñendo en marcha noutros concellos de España e que podemos exportar ao noso.
Novos tempos
Novos tempos foi o lema co que os socialistas de Fene nos presentamos ás últimas eleccións municipais, novos tempos foi o espírito co que os concelleiros socialistas iniciamos este mandato municipal e novos tempos é hoxe máis que nunca o sentimento que nos insufla aos sete concelleiros do PSOE un optimismo tremendo e unhas ganas enormes de traballar por este pobo nos dous anos que quedan de mandato.
Pódovos dicir que onte presidín sen dúbida a reunión do Grupo Municipal Socialista máis feliz que lembro. Tódolos concelleiros andaban a 200, con ganas de empezar a traballar xa nas súas novas responsabilidades e de corrixir co seu esforzo os erros que viñamos detectando ata agora.
Veremos como se vai desenvolvendo este período de goberno en minoría, pero hoxe máis que nunca síntome orgulloso dos concelleiros e concelleiras que me acompañan neste novo Goberno Municipal. Sei que farán un excelente traballo e que o pobo de Fene llo recoñecerá.
Punto seguido para un punto aparte
Dende hai unha semana, xusto dende o día no que tivemos a última xuntanza co BNG, era consciente de que as diferenzas entre os dous socios do Goberno Municipal chegaran a un punto de non retorno. Nós non viamos os problemas nin moito menos as causas que eles apuntaban e eles semellaba que tampouco comprendían nin unha das nosas preocupacións. Xa non había espazo para o traballo en común.
Creo sinceramente que ningunha das razóns que aduciu o BNG publicamente explica verdadeiramente o motivo polo cal marchan do Goberno de Fene. Fálase fundamentalmente de parálise administrativa e é certo que o Concello funciona lento, pero xa o viña facendo desde os últimos anos de goberno do BNG. É máis, no tempo que vai deste novo mandato o que fixemos foi poñer medidas para ir desbloqueando esa situación: persoal administrativo, relación de postos de traballo, Unidade de Xestión Urbanística…
Os motivos da marcha do BNG son fundamentalmente dous, a continua e severa perda de votos que veñen padecendo elección tras elección en Fene nos últimos anos e os roces constantes co PSOE, o conflito entre o noso desexo de poñer un punto aparte cos anteriores gobernos de BNG, de cambiar radicalmente este pobo, tal e como pediron os veciños e veciñas nas eleccións de 2007, e o seu desexo de manter e non tocar as políticas dos 28 anos de maioría nacionalista; futuro e presente fronte a pasado, en definitiva.
En calquera caso, as coalicións ou os gobernos en minoría non son máis que fórmulas, medios, para alcanzar unha mesma fin, dar resposta ás demandas dos veciños/as e cumprir a palabra que lles demos nunhas eleccións. Hai dous anos a mellor fórmula para facer isto realidade semellou o pacto de goberno, que agora xa non é efectivo. Pasamos, polo tanto ao plan b, o goberno en minoría.
O PSOE presentouse ás pasadas eleccións cun único obxectivo, iniciar unha nova época en Fene, transformar e modernizar o noso concello, gobernar dun xeito diferente a como o estaba a facer o BNG, iso mesmo foi o que pediron a maioría de cidadáns e iso mesmo é o que faremos a partir de hoxe aínda con máis gañas que onte. Poremos un punto seguido para poder facer realidade o punto aparte que nos pediron os veciños en 2007.
Pepe Blanco, un político galego

A primeira vez que Francisco Franco veraneou no Pazo de Meirás pasou por Fene e a corporación municipal de entón acordou adornar con arcos florais toda a estrada xeral para celebrar o paso do ditador pola vila; que nin parou a dar os bos días. Como un novo Mr. Marshall, nos últimos anos da Aznaridade o PP de Galicia celebraba con gran pompa dende o telexornal da Telegaita cada paseo de Francisco Álvarez Cascos por estas terras, ese ministro que tivo a ousadía de definirse a si mesmo como o mellor ministro de Fomento da historia de España, o mesmo ministro que coa intención de comprar o silencio dos galegos logo do Prestige, remexeu uns poucos folios nos que recompilou todos os investimentos xa previstos con anterioridade e lles chamou Plan Galicia, ou o mesmo ministro que deixou travesas esparexidas por diferentes leiras do país afirmando que xa tiñamos AVE; onde vai!
O tempo pasa e, deixado atrás ese esperpento de política, hoxe hai un ministro de Fomento galego, Xosé Blanco, que non di tales cousas –non vai co seu estilo–, pero que transforma en feitos o que outros e outras só trouxeron en forma de fume. A decisión de Pepe Blanco de dicirlles aos galegos simplemente a verdade, de transformar o vello proxecto de tren nunha liña de auténtica alta velocidade que chegue a todas as cidades, incluídas Ferrol e Lugo…
Así defende a igualdade o goberno de Feijóo
"Amósalle todo o teu agradecemento e admiración pola súa labor diaria. Achégate ó pequeno comercio tradicional da túa cidade ou vila e mércalle un regalo moi especial para ese día… ¡Non te esquezas!" Por se nos quedaba algunha dúbida, suxírennos diferentes agasallos que lle podemos mercar á nosa nai: unha tixola, un ferro, un cepillo de lavar, unha tina, un kit de produtos de limpeza, unha cafeteira…
Parece que nin a Federación Galega de Comercio nin a nova Xunta de Galicia estiveron moi atinadas á hora de facer esta campaña aberrantemente sexista. O home travestido supoño que tenta introducir unha pincelada de humor difícil de captar, pero o resto do anuncio é infumable, dende os obxectos que encasillan á muller no seu rol clásico de ama de casa, ata o texto que nos invita a agradecerlle con este regalo o esforzo diario no desempeño da "súa" labor.
Volvo ao que dicía máis abaixo, sabemos que a sociedade actual aínda é machista, pero é intolerable que as institucións e organismos públicos difundan e incluso promovan esta desigualdade. A proba, ademais do evidente, é que nunca se lles ocorrería facer este anuncio para o día do pai. Aínda alguén pode dudar da necesidade da Lei de Igualdade? Só os que sintan ameazados os seus privilexios. Feliz día a tódalas nais, pero sen sexismo, por favor!
